OS MEUS AMIGOS

Carlos Pereira

Para Pedro Bueno

Os amigos intensos son moléculas puras

que vou introducindo no meu tórax lourido.

Partículas de seiva que anovan o pole

que eu quero ofrendar a terras calcinadas.

Función circulatoria de recibir e dar

en rouca electrólise que libera a enerxía

sutil e proteínica que incendia, boreal,

olladas e silencios, as íntimas conversas.

Nos amigos viaxo nos seus tránsitos únicos,

gozo dos vendavais e occidentes suévicos,

escalo os himalaias delicados dun poema

e proclamo, no medio dun batallón de óperas,

que quero profanar adolescencias

Nos amigos intúo o pracer do frenético,

do voluptuoso amor ou do martirio,

a ascética vivencia do fracaso ou a gloria.

Nos amigos penetro no ritmo incorpóreo

de ollar, nun lenzo branco, a surreal imaxe

dunha atalaia revestida de labios

disparando, inconsciente,

unha afumada música inharmónica.

Nos amigos

-paseantes de meandros somnámbulos de leite-,

achégome tremente, esparexendo incenso,

-fincando na poeira utopías purpúreas-

aos arrabaldes máxicos do home.